O Parlamento instala paneis solares na marquesiña da entrada
O Parlamento de Galicia pon en marcha esta semana a instalación de paneis solares fotovoltaicos translúcidos no teito da marquesiña da entrada, cunha extensión de 42 metros cadrados integrados na estrutura do edificio, e que producirán a enerxía equivalente á iluminación exterior do edificio. Esta medida é un novo avance no Plan de Optimización Enerxética desenvolto co desafío de converter o inmoble histórico do Pazo do Hórreo nun edificio sostible.
A enerxía xerada polos novos paneis está destinada a complementar a rede eléctrica con enerxía limpa e complementa a instalación de 10 metros cadrados de colectores solares para xerar auga quente sanitaria a 60º C. O Parlamento de Galicia amosa así o seu compromiso coa aplicación de enerxías renovables para a redución de emisións contaminantes e o uso eficiente de recursos, converténdose nun edificio público pioneiro na aplicación de tecnoloxía de última xeración en paneis fotovoltaicos en forma de cristais solares transparentes.
O plan tamén contempla medidas de eficiencia na iluminación, como é a instalación de detectores de presenza e lámpadas de baixo consumo en diferentes estancias do edificio, que reduciu nun 75 por cento o consumo eléctrico desas áreas. Tamén foron instaladas billas temporizadoras con difusor para reducir o consumo de auga nun 30 por cento, que substitúen ás anteriores billas monomando.
Con estas medidas a Cámara autonómica cumpre as prescricións establecidas polo Código Técnico de Edificación aprobado en marzo de 2006 e que da cumprimento á directiva europea 2002/91 sobre Eficiencia e Certificación Enerxética aplicada aos edificios. Esta normativa determina as esixencias para a incorporación das enerxías renovables aos edificios públicos.
É un exemplo demostrativo da aplicación das novas tecnoloxías a este tipo de enerxía por parte das institucións públicas para a sensibilización da cidadanía e facer unha demostración dunha solución práctica para a integración arquitectónica dos paneis solares nos edificios históricos.
A Cámara da continuidade así ao convenio para o desenvolvemento do Plan de Optimización Enerxética asinado en novembro de 2006 co Instituto Enerxético de Galicia para a redución dos gases de efecto invernadoiro que inciden no cambio climático. O Parlamento de Galicia converteuse así na primeira Cámara autonómica no deseño e aplicación dun plan destas características.