LEI COSTAS
O GRUPO POPULAR PRESENTA UNHA PROPOSICIÓN DE LEI DE MODIFICACIÓN DA LEI DE COSTAS, CO FIN DE QUE SE RECOLLAN NELA AS PECULIARIDADES DOS ASENTAMENTOS RURAIS DO LITORAL GALEGO, ASÍ COMO A LEXISLACIÓN URBANÍSTICA AUTONÓMICA
• O PPdeG intentou solucionar o problema mediante un decreto de 2005 que foi recorrido polo Goberno de Zapatero e, na lexislatura anterior, presentou tamén unha proposición de lei e unha proposición non de lei na Cámara galega, así como unha moción, iniciativas todas que foron rexeitadas polos grupos políticos que sustentaban o Goberno bipartito.
• “Nun momento de crise tan intenso como o que atravesa o país, e cun Goberno central cunha clara ausencia de medidas eficaces para afrontala, os cidadáns non merecen que se sigan creando máis problemas ou que non se lles ofreza unha solución axeitada a certas cuestións”, argumentou o portavoz do Grupo Popular.
Santiago, 14 de xuño de 2010.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento galego unha Proposición de Lei, para a súa remisión ao Congreso dos Deputados, de modificación da lei estatal 22/1998, do 28 de xullo, de Costas, co fin de que se recollan nela as peculiaridades dos asentamentos rurais do litoral galego, así como a lexislación urbanística autonómica. En rolda de prensa celebrada esta mañá, o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, incidiu nas dificultades que a aplicación da citada lei presenta na nosa comunidade, derivadas especialmente do feito de que a Administración central aínda no ten rematado o proceso de deslinde da costa galega, os problemas de interpretación que suscita o seu réxime transitorio e outras deficiencias, entre as que destacou que o texto non contempla “un fenómeno urbanístico netamente galego” como son os asentamentos rurais, recoñecidos como Solos de Núcleo Rural na lexislación urbanística galega, que forma parte “do noso acervo cultural” e que precisan “ser recoñecidos como unha figura urbanística propia a nivel estatal”. Para o portavoz do Grupo Popular, “nun momento no que o Goberno galego está a aprobar as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral, a planificación territorial quedaría coixa se non se recoñecen as peculiaridades galegas”.
Ruiz Rivas salientou que a iniciativa rexistrada polo seu Grupo pretende unha solución legal axeitada “a un problema que afecta a moitos veciños de núcleos costeiros” e que provoca situacións “moralmente inxustas”. Así, falou de expropiación de vivendas e outros bens inmobles “a xente que as construíu de boa fe, moitas veces amparadas en actos administrativos de tal natureza que non podían facer supoñer aos hoxe afectados que o seu réxime de propiedade podería variar”. Situación agravada polo feito de que “sobre moitos destes bens existen hipotecas ou outras cargas financeiras constituídas legalmente e alleas á intencionalidade dos hoxe afectados, que estimaban estar realizando estes actos ao abeiro da legalidade”.
MODIFICACIÓNS
As modificacións propostas pretenden que sexan recoñecidos como figura urbanística os solos de núcleo rural e, polo tanto, queden excluídos do dominio público e poidan realizarse neles as obras propias de solo de núcleo rural definidas na lei.
Se a Administración do Estado decidira exercer a facultade de recuperación posesoria, de oficio e en calquera tempo sobre os ditos bens, os afectados terá dereito a esixir que o Estado se faga cargo de todas as cargas hipotecarias e financeiras existentes sobre os mesmos se decidiran exercer o dereito de pasar a ser titulares do dereito de ocupación e aproveitamento. En caso de non optar por esta fórmula, terán dereito a esixir ao Estado que se lle outorgue un ben das mesmas características no mesmo municipio ou a percibir unha indemnización polo prezo de mercado dun ben equivalente no contorno dun radio de 2 quilómetros que non estivera afectado por ningunha das servidumes da lei.
INICIATIVAS ANTERIORES
Ruiz Rivas lembrou que o PPdeG intentou solucionar o problema mediante un decreto de 2005 que foi recorrido polo Goberno de Zapatero e, na lexislatura anterior, presentou tamén unha proposición de lei e unha proposición non de lei na Cámara galega, así como unha moción, iniciativas todas que foron rexeitadas polos grupos políticos que sustentaban o Goberno bipartito. Así mesmo, o Grupo Popular apoiou en 2008 a inserción na Lei de Vivenda dunha emenda “practicamente copiada do decreto 158/2005” aprobado polo anterior Goberno do PPdeG na Xunta e recorrida polo Executivo de Zapatero, pola cal se equiparaban os núcleos costeiros tradicionais non catalogados como tales nos respectivos planeamentos municipais a solo urbano, coa finalidade de que non quedasen afectados nos deslindes da Lei de Costas.
Sen embargo, apuntou Ruiz Rivas, “de novo esta problemática volve encallar”, en referencia á recente admisión a trámite por parte do Tribunal Constitucional dun recurso de inconstitucionalidade aprobado polo Consello de Ministros do Goberno central, respecto á Disposición Adicional Segunda da Lei de Vivenda da Xunta de Galicia, referente á procura dunha solución para os núcleos tradicionais afectados pola implementación da Lei de Costas.
O deputado considerou que neste asunto os socialistas volven demostrar as súas contradicións, “xa que mentres en Galicia pretenden buscar solucións ao problema, no Goberno central impiden arranxalo”.
“Nun momento de crise tan intenso como o que atravesa o país, e cun Goberno central cunha clara ausencia de medidas eficaces para afrontala, os cidadáns non merecen que se sigan creando máis problemas ou que non se lles ofreza unha solución axeitada a certas cuestións”, argumentou o portavoz do Grupo Popular, quen lembrou que o Goberno de Feijóo defendeu as súas competencias nesta materia mediante as xestións oportunas ante o Ministerio para tratar de desbloquear esta cuestión.
“Como o Goberno de Zapatero e o Partido Socialista parecen decididos a non introducir este tema na axenda política”, o que para os populares constitúe “un signo máis de que temos un Goberno central carente de rumbo”, o Grupo Parlamentario Popular “opta pola ferramenta que ten á súa disposición, que é a de presentar unha Proposición de Lei para tramitar perante o Congreso dos Deputados, dirixida a modificar os aspectos necesarios da Lei de Costas para resolver definitivamente esta problemática”. Unha iniciativa que demostra que o Grupo Popular “é coherente coas reclamacións que facía xa na lexislatura anterior, cando estaba na oposición”.