PARLAMENTO DE GALICIA



Salientamos

CONSELLO CONTAS INFORME 2007

O INFORME DO CONSELLO DE CONTAS REAFIRMA O ACERTO DAS MEDIDAS DE AUSTERIDADE DO GOBERNO DE FEIJÓO E CONSTATA A DESMEDIDA AFECCIÓN DO BIPARTITO POLO GASTO INNECESARIO

• O deputado salientou a redución nun 28% dos gastos de funcionamento da Administración lograda polo actual Goberno e contrastou a diminución dunha cuarta parte dos correspondentes a persoal eventual e de gabinete co aumento aplicado nesas partidas polo Bipartito, que os subiu case un 40% en 2006.
• O portavoz do Grupo Popular resaltou que o informe avala tamén as iniciativas de racionalización da Administración do actual Executivo galego e fixo referencia, nese sentido, á Lei de Entes Instrumentais e á Lei da Xunta e do seu Presidente que está a elaborar, así como á redución de entes instrumentais da chamada “Administración paralela”.

Santiago, 4 de xuño de 2010.- O informe do Consello de Contas sobre a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente a 2007 reafirma o acerto das medidas de austeridade do Goberno de Feijóo e constata a desmedida afección do Bipartito polo gasto innecesario. Así o puxo de manifesto hoxe en rolda de prensa o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, quen considerou que o dito informe corrobora que “o tempo dá e quita razóns” en referencia a que “todo o que no seu momento dixo o PPdeG desde a oposición” sobre a forma de xestionar do Bipartito “empezase a constatar hoxe en día cos feitos”.
Datos como que máis dunha quinta parte do gasto total de 2007 corresponderon a persoal e bens correntes, cun 8,3% de incremento respecto a 2006, demostran, para Ruiz Rivas, que “hai dúas formas de gobernar Galicia” e desacreditan as críticas de PSOE e BNG. O informe pon de manifesto, para o portavoz parlamentario do PPdeG, que hai “unha cara e unha cruz” na forma de gobernar, sendo a cara “un Goberno realista, austerio e que foi quen de ver un punto de partida xa en crise e de tomar as decisións axeitadas”, mentres que a cruz a representou “quen durante catro anos fixo da propaganda, do gasto non produtivo e do despilfarro a razón de ser dun Goberno que eran dous”. Aos partidos da oposición, “se lles enche agora a boca falando de austeridade ou de eficacia na Xunta”, cando os datos demostran, engadiu Ruiz Rivas, que eles fixeron todo o contrario do que predican.
GASTOS DE FUNCIONAMENTO
O deputado salientou a redución nun 28% dos gastos de funcionamento da Administración lograda polo actual Goberno e contrastou a diminución dunha cuarta parte dos correspondentes a persoal eventual e de gabinete co aumento aplicado nesas partidas polo Bipartito, que os subiu case un 40% en 2006. As medidas de austeridade do Goberno de Feijóo permitiu reducir máis dun 15% os gastos en material de oficina; un 16% os de protocolo; case unha cuarta parte (un 22,5%) o gasto en propaganda e publicidade; máis dun 17% o destinado a reunións e conferencias; un 12% as dietas; e máis dun 40% o gasto en publicacións.
Así mesmo, fixo fincapé en que as políticas de excesivo gasto público desenvolvidas polo Bipartito “están a condicionar e mesmo a hipotecar” accións futuras, xa que os gastos de persoal consolídanse no futuro “e impiden ir a outros aspectos fundamentais, como as políticas de investimentos”, o que para o deputado supón “unha irresponsabilidade” que ten “nomes e apelidos”. Nese sentido, lembrou que o 80% do incremento presupostario registrado nos anos do anterior Goberno se destinaron a partidas de persoal, “e non melloraron os servizos”.
O portavoz do Grupo Popular resaltou, doutra banda, que o informe avala tamén as iniciativas de racionalización da Administración do actual Executivo galego e fixo referencia, nese sentido, á Lei de Entes Instrumentais e á Lei da Xunta e do seu Presidente que está a elaborar, así como á redución de entes instrumentais da chamada “Administración paralela”. O Bipartito “acuñou xa antes de chegar ao Goberno o termo `chiringuitos´” para criticar esa Administración paralela, e o informe do Consello de Contas demostra que “aumentaron o número deses chiringuitos”.
Así mesmo, contrastou a suba de gravames aplicada polo Bipartito, que recaeu sobre adquirentes de bens inmobles e consumidores finais de combustibles, coa política de baixada de impostos iniciada polo actual Goberno coa reforma do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.
Igualmente, apuntou que o informe do Consello de Contas reflicte un incremento do 16,6% respecto a 2006 en gastos en investimentos reais, pero gran parte dese gasto corresponde a inmobilizado inmaterial, sen que, polo tanto, os gastos imputados como investimento deste tipo poidan considerarse como tal. Por último, referiuse ao apunte do informe sobre a ineficaz xestión dos Fondos Europeos por parte da Xunta formada por PSOE e BNG, ao contrario do actual Goberno, que logrou, cunha axeitada xestión deses fondos, paliar en parte a diminución dos ingresos procedentes do Goberno central.


IMAXES RELACIONADAS


Manuel Ruiz Rivas

Manuel Ruiz Rivas

Circunscripción: A Coruña

Currículum Vitae

Buzón Deputados/as

  • O deputado/a te escoita: deixa suxestións e propostas sobre os asuntos do teu interese:
    Contactar



© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408