PARLAMENTO DE GALICIA



Salientamos

PEREGRINACION SANTIAGO

RUÍZ RIVAS RESALTA QUE O XACOBEO 2010 É “UNHA OPORTUNIDADE HISTÓRICA PARA FACER PAÍS” E PIDE UNIDADE PARA QUE TODA GALICIA SE BENEFICIE DELA

• O portavoz do Grupo Popular subliña que o Camiño de Santiago “e Compostela como a súa meta, brindan a todos os galegos un potencial que debemos aproveitar para elevar o noso prestixio e dinamizar a nosa economía”
• Destacou o esforzo da Xunta  na promoción e posta en valor de todos os Camiños de Santiago, con medidas como as intervencións na conservación e mellora de albergues, o Plan especial de rehabilitación de vivendas e espazos públicos para as 500 parroquias dos 111 concellos dos Camiños e as subvencións para obras de urbanización e reurbanización, entre outras
• Reclama do PSdG-PSOE que “en vez de facer unha utilización política e criticar á Xunta poderían, por exemplo, demandarlle ao Goberno de Zapatero a mesma atención que a que dedicaron ao Forum das Culturas de Barcelona” e así amosen un apoio decidido ao Xacobeo
• A decisión da ministra de Cultura de trasladar a Barcelona o cumio de ministros da UE previsto na Coruña é, para Ruiz Rivas, unha demostración de que “os socialistas seguen na súa liña de enganar e prometer unha cousa para facer a contraria”

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2009.- O voceiro do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, indicou hoxe na finalización da peregrinaxe dos deputados do PPdeG  entre o Monte do Gozo e Santiago de Compostela, que o Xacobeo 2010 é “unha oportunidade histórica para facer país” e pediu unidade para que toda Galicia se beneficie dela. Fixo estas declaracións ao remate da peregrinación simbólica iniciada onte polos deputados populares, cando percorreron  o treito Ferrol-Cabanas no Camiño Inglés, e que pretendía amosar o seu apoio  á celebración do Xacobeo así como a promoción dos diferentes Camiños, aproveitando para coñecer o estado dos mesmos.
Para o voceiro popular, o Camiño de Santiago “e Compostela como a súa meta, brindan a todos os galegos un potencial que debemos aproveitar para elevar o noso prestixio e dinamizar a nosa economía”. Por elo indicou que se debe lograr a unidade de todas as administracións e representantes políticos para acadar o maior beneficio para toda a sociedade galega.
ACTUACIÓNS DA XUNTA DE GALICIA
Ruiz Rivas destacou o esforzo da Xunta en todo o que supón tanto a promoción do Xacobeo, con actos para atraer visitantes, o que suporá un importantísimo beneficio económico para a nosa Comunidade,  como a adecuación de camiños e posta en valor do patrimonio paisaxístico, cultural e etnográfico de Galicia. “Tendo en conta que cando iniciou a súa xestión o actual Goberno do PPdeG na Xunta de Galicia se atopou con que o bipartito non deixara nada preparado nin programado en relación co Xacobeo 2010, o que amosa unha clara falta de miras e de interese do anterior Executivo por un evento que tan beneficioso pode resultar para Galicia” indicou o voceiro popular. Nese sentido, o deputado considerou “sorprendentes” as críticas vertidas polos partidos da oposición –as últimas por parte do BNG, onte- sobre a organización e xestión do Xacobeo, e cualificou de “cinismo político” que os que “non fixeron nada cando tiveron a responsabilidade ataquen ao Goberno actual por traballar”.
Dentro das actuacións que está a levar  acabo a Xunta de Galicia, Ruiz Rivas  destacou as intervencións na conservación e mellora do equipamento dos albergues e sobre o trazado e sinalización dos propios Camiños. Así mesmo, resaltou a previsión da Consellería de Cultura de duplicar o número de prazas nos albergues durante a época de maior afluencia de peregrinos. Entre outras actuacións salientable, o voceiro popular destacou o Plan Especial de Rehabilitación de vivendas e espazos públicos, que suporá un investimento total de 14 millóns de euros e que abrangue as preto de 500 parroquias dos 111 concellos polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago.
Tamén sinalou  que os concellos terán subvencións para realizar obras de urbanización e reurbanización (ata un 30%) e a Xunta incluíu os sete trazados do Camiño de Santiago na convocatoria de axudas para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos, cunha subvención a fondo perdido do 50 por cento do orzamento, cun límite de 10.000 euros ou 12.000 cando se trate da renovación dun edificio ou vivenda con baleirado interior. Estas subvencións son compatibles e acumulables coas anteriores de rehabilitación de vivendas nos Camiños, polo que nalgúns casos a axuda total pode chegar aos 23.600 euros.
UNIDADE PARA SAÍR DA CRISE
O voceiro popular reclamou a unidade de todas as administracións e representantes políticos na defensa dos intereses de Galicia e rexeitou “as   polémicas estériles como as que o PSOE  está a promover en relación coa promoción do Xacobeo”. Así, indicou que o  principal partido da oposición “en vez de facer unha utilización política e criticar á Xunta podería, por exemplo, demandarlle ao Goberno de Zapatero a mesma atención que a que dedicaron ao Forum das Culturas de Barcelona” e así amosen un apoio decidido ao Xacobeo. Nese sentido, lamentou a decisión da ministra de Cultura de trasladar a Barcelona o cumio de ministros da UE cuxa celebración estaba prevista na Coruña, o que considerou unha demostración de que “os socialistas seguen na súa liña de enganar e prometer unha cousa para facer a contraria”, xa que, “hai dous días escoitamos a representantes do Goberno central asegurando que o seu compromiso co Xacobeo é firme e claro, e agora, co nesta decisión da ministra de Cultura, vemos en qué  queda realmente ese compromiso”.
Ruiz Rivas amosou o compromiso con Santiago do Goberno galego no que atinxe ao Xacobeo, e lembrou que, tal e como confirmou o conselleiro de Cultura, “hai 10 millóns de euros para a programación de actos nesta cidade” ademais de incluír no slogan do Ano Santo a referencia ao Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo.
“Coincidimos plenamente coa estratexia do Goberno de Núñez Feijoo de que o Ano Santo é unha ocasión para facer país  e promover a oferta turística de Galicia como conxunto, a partir dos seus inmensos valores paisaxísticos, culturais, históricos e gastronómicos” rematou dicindo o voceiro popular.


IMAXES RELACIONADAS

Non hai imaxes relacionadas coa nova.


Manuel Ruiz Rivas

Manuel Ruiz Rivas

Circunscripción: A Coruña

Currículum Vitae

Buzón Deputados/as

  • O deputado/a te escoita: deixa suxestións e propostas sobre os asuntos do teu interese:
    Contactar



© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408