PARLAMENTO DE GALICIA



Salientamos

SANIDADE HOSPITAL PONTEVEDRA

O GRUPO POPULAR REAFIRMA ANTE OS ALCALDES DO PSOE E BNG O SEU APOIO AO COMPROMISO DO GOBERNO DE FEIJÓO DE LICITAR NO PRIMEIRO SEMESTRE DESTE ANO O NOVO HOSPITAL DE PONTEVEDRA

• O portavoz parlamentario do PPdeG resalta que a ampliación de Montecelo “non cubriría da forma máis axeitada as necesidades” e lembra que se o Bipartito non levou adiante ese proxecto de ampliación “foi precisamente porque non tiña claro que fose a mellor opción”
 
Santiago, 19 de xaneiro de 2010.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, xunto co portavoz de Sanidade, Rosendo Fernández, e mailo presidente da Comisión de Sanidade, Miguel Santalices, mantiveron hoxe no Parlamento unha xuntanza cos alcaldes do PSOE e do BNG da provincia de Pontevedra na que lle reafirmaron o apoio deste Grupo ao compromiso do Goberno de Núñez Feijóo de licitar no primeiro semestre deste ano o novo Hospital de Pontevedra. Tra-lo encontro, Ruíz Rivas cualificou de “positiva” a xuntanza, “na liña deste partido de escoitar todas as opinións”, malia que “as diferenzas de fondo neste tema son irreconciliables”. O deputado popular subliñou que o compromiso do Goberno da Xunta é claro e se concreta en que as obras do novo Hospital poidan estar rematadas en 2015, e amosou o respaldo da súa formación ao mesmo.
Ruiz Rivas reiterou que a nova infraestrutura é a mellor solución para dar servizo sanitario á area, ademais de que suporá a creación de 1.600 postos de traballo “nada desdeñables neste momento especialmente crítico”. A posición do Grupo Popular, apuntou o seu portavoz, “é claramente a de defender o noso programa electoral e apoiar a decisión do Goberno galego”, que estudiou “as dúas opcións e apostou por unha”, despois de que os informes “avalaran esa nova infraestrutura”.
O portavoz parlamentario do PPdeG resaltou que a outra opción, a ampliación de Montecelo “non cubriría da forma máis axeitada as necesidades” e lembrou que se o Bipartito non levou adiante ese proxecto de ampliación “foi precisamente porque non tiña claro que fose a mellor opción”. Así mesmo, apuntou que nesta polémica “hai connotacións de todo tipo” e lembrou que os grupos contrarios ao novo hospital “mudaron de opinión nos últimos dez anos”.
En canto a acudir á vía da concesión para financiar a construción do centro, Ruíz Rivas remarcou que este sistema “utilizado en toda Europa e para outras infraestruturas, como autovías”, non supón unha privatización da prestación dos servizos, “que será totalmente pública e universal”.


IMAXES RELACIONADAS

Non hai imaxes relacionadas coa nova.


Manuel Ruiz Rivas

Manuel Ruiz Rivas

Circunscripción: A Coruña

Currículum Vitae

Buzón Deputados/as

  • O deputado/a te escoita: deixa suxestións e propostas sobre os asuntos do teu interese:
    Contactar



© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408