PARLAMENTO DE GALICIA



Salientamos

MINAS SAN FINX LOUSAME

RUIZ RIVAS PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA QUE A XUNTA CONTINÚE COAS AXUDAS PARA A RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR DAS MINAS DE SAN FINX, EN LOUSAME


• O deputado lembra que xa no 2005 o seu Grupo fixo fincapé na necesidade de levar adiante este proxecto “de gran interese desde o punto de vista cultural e turístico e que achegará importantes beneficios ao concello de Lousame e á comarca”.
 
Santiago, 7 de novembro de 2009.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Manuel Ruíz Rivas, ven de rexistrar no Parlamento unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a continuar coas axudas para a recuperación, rehabilitación e posta en valor das Minas de San Finx, en Lousame. O obxectivo último da iniciativa é que se leve a cabo a concesión dun obradoiro de Emprego, como paso previo e necesario para posibilitar a musealización “da que é merecente este magnífico legado”, afirma Ruíz Rivas.
O voceiro parlamentario do PPdeG salienta o esforzo feito polo Concello de Lousame para tal fin, malia a falta de apoio do anterior Goberno da Xunta. O Concello, apunta, “non parou de dar pasos na recuperación, acondicionamento e rehabilitación das dependencias do taller como unha escola, despois de cansarse de chamar reiteradamente ás portas do bipartito sen éxito”. Así mesmo, o Concello contactou coa Universidade de Vigo a fin de que este proxecto de recuperación fose de interese para que os estudiantes de Minas se formen nos talleres que se pretenden habilitar, “conxugando así pasado, presente e futuro das minas de San Finx”, indica Ruíz Rivas.
O deputado lembra que xa no 2005 o seu Grupo fixo fincapé na necesidade de levar adiante este proxecto “de gran interese desde o punto de vista cultural e turístico e que achegará importantes beneficios ao concello de Lousame e á comarca”. Nese sentido, considera unha “moi boa noticia” os compromisos adquiridos pola Consellería de Economía e Industria e pola Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta para financiar a rehabilitación do edificio de compresores co fin de destinalo a museo e outras instalacións. Un primeiro paso nun proxecto que os populares esperan que “conte cos máximos apoios para lograr a súa execución completa”.
 

HISTORIA DAS MINAS
As Minas de San Finx constitúen un conxunto natural, xeolóxico e industrial de gran interese. Desde finais do século XIX ata mediados do século XX constituíron unha industria punteira na extracción de estaño e Volframio.
A finais do século XIX, o proceso de industrialización de Galicia derivou nunha importante reactivación da demanda de estaño, especialmente usado na puxante industria conserveira galega. Isto, unido a unha demanda internacional de metais considerados estratéxicos como o Volframio, fixeron que as minas de San Finx, daquela en mans dunha compañía británica, se converteran  nunha das primeiras minas de España e de Europa, cunhas instalacións punteiras tecnoloxicamente, chegando a dar emprego a unhas 400 persoas.
Despois da Guerra Civil española, en 1940 disólvese a sociedade británica e pasa a ser propiedade da empresa de capital español Industrias Gallegas, S.A.. Tras manter o seu interese estratéxico durante a segunda Guerra Mundial, a produción das minas se normaliza ata chegar a pararse arredor de 1990.


IMAXES RELACIONADAS

Non hai imaxes relacionadas coa nova.


Manuel Ruiz Rivas

Manuel Ruiz Rivas

Circunscripción: A Coruña

Currículum Vitae

Buzón Deputados/as

  • O deputado/a te escoita: deixa suxestións e propostas sobre os asuntos do teu interese:
    Contactar



© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408