HOSPITAL BARBANZA
RUIZ RIVAS OBTÉN DA XUNTA O COMPROMISO DE ARTELLAR MEDIDAS PARA REDUCIR AS LISTAS DE ESPERA NO HOSPITAL DO BARBANZA
• O deputado salienta que a comarca rexistrou os peores datos de Galicia en canto a lista de espera pola “nefasta xestión do anterior Goberno autonómico”, que, lembra, “deixou 71.000 pacientes de toda Galicia sen atender, ocultados nun caixón”, dos que máis de 3.000 eran do Barbanza.
Santiago, 29 de outubro de 2009.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, interesouse ante a Xunta de Galicia polos problemas do Hospital comarcal do Barbanza en canto a demoras na atención aos pacientes. No marco desas xestións, o deputado obtivo o compromiso da Administración autonómica de artellar medidas para reducir as listas de espera no dito Hospital.
Así, a Consellería de Sanidade confirmoulle ao portavoz do Grupo Parlamentario Popular que introduciu xa dous módulos cirúrxicos semanais de traumatoloxía, que poden atender entre 3 e 4 procesos cada tarde. Así mesmo, informoulle que está a investir máis de 234.000 euros en obras de mellora do centro, co fin de actualizar e aumentar a comodidade e operatividade das instalacións.
O deputado salienta que a comarca rexistrou os peores datos de Galicia en canto a lista de espera pola “nefasta xestión do anterior Goberno autonómico”, que, lembra, “deixou 71.000 pacientes de toda Galicia sen atender, ocultados nun caixón”, dos que máis de 3.000 eran do Barbanza. Algo que Ruiz Rivas considera “un escándalo sen precedentes” que demostra que ao Bipartito “os cidadáns lles importaban ben pouco”.
Nalgunhas especialidades, como a de Xinecoloxía, a lista de espera acumula preto de 4.000 pacientes, un dato “escandaloso”, derivado “desa nefasta xestión do Goberno anterior”, apunta Ruíz Rivas, quen asegura que tanto él como a Consellería son conscientes de que as lista de espera do Barbanza “son as máis altas de Galicia e, polo tanto, faise preciso arbitrar medidas extraordinarias para solucionar o problema”. O portavoz parlamentario do PPdeG ten a absoluta confianza en que “o labor que está a facer a actual Consellería logrará rematar coa situación herdada de caos na Sanidade, tanto en Galicia coma no Barbanza”.