30/05/2008
O FRACASO DA BOLSA DE ALUGUEIRO DO BIPARTITO REDUCE DE 6.000 A 3.500 O NÚMERO DE MOZOS ACOLLIDOS
• As axudas anunciadas onte revelan o fracaso da política de aluguer da Xunta, que suscita inseguridade e desconfianza nos propietarios
• O PPdeG reclama medidas realistas que favorezan o alugueiro, nun momento de crise económica, incremento do paro e fortes restricións ao crédito que impiden aos mozos acceder a unha vivenda en propiedade
Santiago, 30 de maio de 2008.- Tres anos despois do cambio de Goberno, as medidas implantadas pola Xunta para incentivar o mercado de alugueiro de vivendas en Galicia convertéronse nun auténtico fracaso. Así o considera o voceiro de Vivenda do Grupo Popular, Diego Calvo, que atribúe o anuncio de habilitar unha axuda adicional para incluír os pisos baleiros na bolsa de alugueiro nun intento, á desesperada, por atraer aos propietarios, que levan toda a lexislatura desconfiando das medidas confusas implantadas por este Goberno.
Fronte aos máis de 6.000 mozos que residían nunha vivenda en aluguer ao remate da anterior lexislatura do Goberno do PPdeG, na actualidade esa cifra reduciuse a 3.500 persoas, e maior parte delas con contratos anteriores ao cambio de Goberno.
As reformas introducidas polo bipartito na bolsa de vivenda en alugueiro fan que os propietarios de vivendas baleiras se neguen a acollerse a esta modalidade, que provoca inseguridade e suscita desconfianza. Deste xeito, os propietarios prefiren alugar as súas vivendas no mercado libre en lugar de acollerse ao modelo impulsado pola Xunta, malia que o Executivo autonómico chegou a duplicar as axudas para o arranxo dos pisos (pasou de 6.000 a 12.0000 euros).
Na práctica, a bolsa de vivenda en aluguer non resulta operativa, carece de oferta suficiente e, como proba delo, é que existen mozos inscritos como demandantes de vivenda en réxime de arrendamento desde hai máis de un ano, sen que a Administración autonómica sexa capaz de responder ás súas necesidades.
“Nun momento de crise económica acentuada, incremento do desemprego e fortes restricións ao crédito que, na práctica, case impiden que un mozo poda acceder a unha vivenda en propiedade, urxe que a Xunta tome en serio este asunto e habilite medidas realistas que favorezan a emancipación dos xoves. Desgraciadamante, polo de agora, a Xunta fixo xusto o contrario”, subliña Diego Calvo.