17/12/2007
O PPdeG RECLAMA HABILITAR UNHA ASISTENCIA TÉCNICA AOS PEQUENOS CONCELLOS PARA QUE PODAN PRESENTAR A SÚA CONTABILIDADE ANTE O CONSELLO DE CONTAS
Santiago, 16 de decembro de 2007.- Vistas as dificultades de algúns concellos para render contas ante os correspondentes órganos de control, o Grupo Popular trasladará ao Parlamento unha proposta para que a Xunta, coa colaboración das deputacións provinciais, preste asistencia técnica aos municipios de menos de 10.000 habitantes. O voceiro parlamentario do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas considera que, unha vez implantado este sistema de axuda, complementado con facilidades para presentar as contas por vía telemática, se prive de axudas e subvencións públicas aos municipios que acumulen máis de 2 anos sen render as súas contas.
Nesta liña, o PPdeG tamén reclama á Xunta que antes de conceder axudas públicas ou subvencións a calquera tipo de fundacións, entidades ou sociedades públicas, verifique que teñan presentado, en tempo e forma, as súas contas ante o Consello de Contas de Galicia.
NECESIDADE DE “TRANSPARENTAR” OS PRESUPOSTOS
Ruiz Rivas adianta que o Grupo Popular tratará de mudar o texto dos orzamento da Xunta de Galicia para 2008 co obxecto de “transparentar” as contas públicas e facilitar o labor de control do Consello de Contas. O bipartito, que supostamente ía converter a transparencia nun dos piares desta lexislatura, só fixa no documento presupostario indicadores para o seguimiento dos programas de gasto cofinanciados con fondos europeos. Os restantes programas de gasto continúan “opacos”, o que, como denunciou o propio Consello de Contas, impide analizar a eficacia na execución dos diferentes programas de gasto da Administración autonómica.
Para superar esta eiva, o PPdeG, a través do seu portavoz na Comisión do Consello de Contas, Ángel Bernardo Tahoces, formulará unha proposta de resulución que agarda sexa apoiada por socialistas e nacionalistas.
Paralelamente, e en aras de acadar unha verdadeira transparencia para o control do gasto público, elaborará unha proposta para instar á Xunta a promulgar unha normativa específica que desenvolva o Plan Xeral de Contabilidade Pública para Galicia, que o bipartito segue sen abordar despois de dous anos e medio de responsabilidades de Goberno.
REXISTRO DE SOLICITANTES
No trámite de emendas do Informe de Fiscalización da Conta Xeral do sector público galego do ano 2004, o Grupo Popular tamén formulará as seguintes propostas para mellorar a xestión administrativa:
• Elaboración dun manual de procedemento de contratación para as entidades e sociedades dependentes da Xunta de Galicia.
• Posta en funcionamento, no primeiro trimestre do ano 2008 do Rexistro Autonómico de Axudas Públicas e Subvencións.
• Creación, na estrutura da Xunta de Galicia, dun rexistro autonómico de solicitantes, para que a documentación que os cidadáns presentan repetidamente nas súas relacións coa Administración autonómica estea centralizada e dixitalizada, permitindo que os distintos departamentos podanm acceder a ela telematicamente, para evitar duplicidades e trámites innecesarios por parte do administrado.
Para facilitar as relacións das distintas administración públicas co Consello de Contas - especialmente os Concellos-, o Grupo Parlamentario Popular formulará, ademais, as seguintes recomendacións:
• Que o Consello de Contas a facilite a tódolos concellos de Galicia os medios necesarios para a remisión das contas por vía telemática.
• Que o Consello de Contas estableza a necesaria colaboración co Tribunal de Contas do Estado, de xeito que as contas do sector público local galego sexan presentadas unha soa vez.
• Establecer a necesaria colaboración co Tribunal de Contas do Estado para que os controis que realice ese órgano estatal dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia sexan realizados en coordinación e coa participación do Consello de Contas.