PARLAMENTO DE GALICIA

Menu de navegación.


Información institucional.

Saúdo da presidenta do Parlamento

Un espazo para a concordia

Presidenta do Parlamento de Galicia Máis aló dos discursos grandilocuentes que coinciden en sinalar o Parlamento como o epicentro das institucións democráticas, creo que en máis ocasións das debidas se ten obviado ese principio, relegando a Cámara a un papel secundario; sucedeu en Galicia, pero tamén aconteceu noutras latitudes.

Son consciente tamén de que, especialmente nestes momentos, boa parte da cidadanía ten unha certa desconfianza respecto da clase política, por entender que somos uns privilexiados que non adoitamos estar á altura do que se agarda de nós.

É certo que todos coñecemos comportamentos pouco edificantes da clase política, pero non é menos verdade que a inmensa maioría dos políticos e políticas se esforzan —esforzámonos— por traballarmos o mellor que podemos malia que ese esforzo non sempre sae á luz pública.

Como galega, síntome especialmente honrada por poder exercer a Presidencia do Parlamento de Galicia, pero tamén me decato da responsabilidade que dela deriva e das elevadas expectativas que o conxunto de Galicia depositou no traballo que desenvolvamos ao longo desta VIII lexislatura.

Atravesamos momentos difíciles aos que a clase política lles deberá dar respostas audaces. Os milleiros de familias que sofren en carne propia a lacra do paro, os mozos e as mozas que non conseguen emanciparse ou os que padecen en primeira persoa as consecuencias duns servizos públicos que non sempre responden coa prontitude e a calidade que desexariamos agardan solucións tanxibles máis aló da dialéctica.

Uns e outros deberán ser os verdadeiros protagonistas dos debates que se desenvolvan no Parlamento de Galicia, que, obrigatoriamente —e niso poñerei todo o meu empeño—, actuará sempre como o que é: a casa de todos os galegos e galegas.

Como é natural, nas familias hai os seus máis e os seus menos, pero, aínda así, os vínculos acaban prevalecendo case sempre. Ese é o espírito que agardo conseguir nesta Cámara.

Con independencia das lóxicas diferenzas partidistas que distinguen aos distintos grupos políticos con representación parlamentaria, farei canto estea ao meu alcance para que, como nas familias, se impoña a concordia en beneficio de Galicia e dos intereses supremos dos galegos e das galegas.

Nestes momentos de dificultades para case todos, a cidadanía galega agarda que o Parlamento de Galicia actúe como a auténtica ágora na que, a través da palabra, se materialice o consenso nos grandes asuntos do país para, entre todos, contribuírmos a recuperar a ilusión que tanto precisamos.

Nese espírito, é a miña intención reforzar a proxección exterior do Parlamento de Galicia e, para iso, confío en que este portal na internet represente un papel determinante na medida en que sexamos capaces de ir desenvolvendo o seus contidos e o seu alcance no decurso dos meses.

A todos e todas, moitas grazas por esta visita virtual,


Pilar Rojo Noguera
Presidenta do Parlamento de Galicia


© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408