saltar ao contido

Santalices recomenda “sentido común” para superar a crise de Cataluña e suxire “sacrificar” os intereses individuais en beneficio da cidadanía

Declaracións 31/01/2018

• Considera que o sucedido en Cataluña “está desprestixiando a esencia do Parlamento” e recorda que para adquirir a condición de deputado na Cámara galega se require “presenza, xuramento e acatamento da Constitución”
 
Santiago, 31 de xaneiro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, afirmou hoxe que superar a situación política que atravesa Cataluña require “poñerlle sentido común” e “sacrificar” os intereses individuais en beneficio do conxunto da cidadanía.
 
En declaracións aos xornalistas, antes de comezar unha visita á exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, no Museo do Mar de Vigo, Santalices afirmou que “non pode unha persoa soa neste momento volverse tan egoísta” e impedir ofrecer unha solución a Cataluña.
 
O titular da Cámara galega avogou  por “dar unha saída normal” a esta crise que, ao seu xuízo, “tamén está desprestixiando a esencia ao do parlamentarismo”.
 
Recordou Santalices Vieira que para adquirir a condición de deputado no Parlamento de Galicia se require “taxativamente” a “presenza, xuramento e acatamento da Constitución”, situación que non se deu no Parlamento de Cataluña, ao tempo que apuntou que o debate de investidura debe ter lugar “obrigatoriamente” coa presenza do candidato á Presidencia. Agregou, neste sentido que, xunto coas obrigas legais, “os xestos son importantes e a credibilidade tamén se gaña desde o punto de vista presencial”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina