saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O BIPARTITO NEGOUSE A RESPONDER UNHA DE CADA CATRO PREGUNTAS ESCRITAS E UNHA DE CADA TRES PETICIÓNS DE DOCUMENTACIÓN FORMULADAS POLO PPdeG NO PARLAMENTO

PARLAMENTO BALANCE LEXISLATURA 15/01/2009

• O PPdeG liderou o traballo na Cámara galega como artífice do 81% das máis de 22.000 iniciativas rexistradas na lexislatura que ven de rematar
• O bipartito deixou no tinteiro leis que Touriño anunciara como emblemáticas ao comezo do mandato, como a de reforma da CRTVG, de publicidade institucional ou de desenvolvemento rural
• A Xunta impediu que o Parlamento investigase asuntos especialmente peliagudos, como a adxudicación irregular da Autoría da Barbanza, os axentes electorais do PSOE pagados con fondos públicos ou a sucesión de ilegalidades cometidas en Sogama e que apuntan ao conselleiro de Medio Ambiente como o señor X da trama
• O soberbia do bipartito levou a Touriño e a Quintana a rexeitar de plano a disposición do PPdeG para afrontar os problemas dos país desde unha posición de consenso, como quedou demostrado co apoio prestado polo Grupo Popular á metade das leis aprobadas neste período

Santiago, 15 de xaneiro de 2008.- O bipartito pasará á historia por ter convertido ao Parlamento de Galicia nun “floreiro” ao servizo do Executivo, impedíndolle para iso exercer as funcións de control do Goberno encomendadas á Cámara lexislativa en calquera sistema plenamente democrático. Manuel Ruiz Rivas, portavoz parlamentario do Grupo Popular, que hoxe fixo balance da lexislatura que ven de rematar na Cámara galega, denunciou que nestes preto de catro anos, a Xunta se negou a constestar un 25% das preguntas de resposta escrita e un 34% das peticións de documentación formuladas polos deputados do PPdeG.
Fronte á actitude do Goberno de Touriño e de Quintana, que a xuízo de Ruiz Rivas, bordeou a “insurección parlamentaria” na lexislatura que vén de rematar, o PPdeG destacou por ter realizado un traballo sen precedentes na Cámara autonómica.
Así, os deputados autonómicos do PPdeG son autores do 81% das 22.909 iniciativas rexistradas no Parlamento de Galicia ao longo da VII lexislatura. Pola súa banda, o BNG foi autor do 14% das iniciativas (3.225) e o PSOE do 5% restante (1.172).
As 18.512 iniciativas rexistradas polo Grupo Popular supoñen un incremento de máis do 30% respecto á actividade que, como oposición, levaron a cabo PSOE e BNG, conxuntamente, na anterior lexislatura.
Resumo das iniciativas  formuladas polo Grupo Popular na VII lexislatura
Preguntas con resposta escrita        12.372
Información artigo 9     884
Preguntas orais en Comisión          2.270
Preguntas orais en Pleno     706
Proposicións non de lei en Comisión   615
Proposicións non de lei en Pleno   413
Interpelacións      452
Mocións       118
Comparecencias en Comisión    243
Comparecencias en Pleno    320
Proposicións de lei       15

Na súa intervención, Ruiz Rivas laiouse dos atrancos que lle foron impostos no Parlamento para limitar o traballo do PPdeG para controlar a acción do Goberno: desde a imposición de cupos para restrinxir ao máximo o número de asuntos a discutir en Pleno e Comisións, ata a negativa a constituír comisións de investigación sobre asuntos peliagudos para o bipartito.
A XUNTA IMPIDE INVESTIGAR OS SEUS PUNTOS FEBLES
Deste xeito, recordou Ruiz Rivas, PSOE e BNG impediron que a Cámara investigase a adxudicación irregular da autovía da Barbanza –pola que hai catro altos cargos imputados-, impediron investigar aos axentes electorais do PSOE pagados con fondos públicos na emigración, impediron investigar as irregularidades de Sogama, entre as que se contan vertidos tóxicos continuados (polos que xa hai alomenos sete imputados) e adxudicacións a dedo de contratos millonarios nunha trama que cada vez apunta máis directamente ao conselleiro de Medio Ambiente, convertido no señor X dun asunto que cheira moi mal para o PSOE e, desgraciadamente, recorda tempos pasados. “¿Qué ocultan? ¿A qué vén tanta opacidade se todo foi legal e transparente como subliñan os voceiros oficiais?”, pregunta o portavoz parlamentario do PPdeG.
Na súa intervención, Ruiz Rivas cuestionou o que denominou “furor lexislativo” do bipartito, que para incrementar a estatística de leis aprobadas, promoveu unha tramitación parlamentaria “express” de moitos textos lexislativos, impedindo efectuar discusións de fondo para afondar no contido de cada unha desas normas.
Con todo, o portavoz parlamentario do PPdeG corrixiu as versións oficiais que tratan  de presentar á VII lexislatura como a máis fructífera xa que dos 52 textos remitidos ao Parlamento só 34 poden considerarse verdadeiramente novidosos, unha vez descontadas as leis de presupostos, os 7 textos legais de creación de colexios profesionais e os outros sete textos que se corresponden con reformas de leis xa en vigor. Recordou, ademais, que na anterior lexislatura, o Goberno do PPdeG remitiu á Cámara un total de 55 proxectos de lei, é dicir, tres máis que o bipartito.
SOBERBIA DO BIPARTITO
Denunciou tamén Ruiz Rivas que a soberbia na que se instalaron Touriño e Quintana desde a súa chegada á Xunta levou aos socios do bipartito a rexeitar de plano a disposición do PPdeG para afrontar os problemas do país desde unha posición de consenso, como quedou demostrado co apoio prestado polo Grupo Popular á metade das leis aprobadas neste período.
O BIPARTITO DEIXA NO TINTEIRO LEIS ESENCIAIS
Así, o PPdeG votou a favor de 20 leis neste último período de sesións, aínda que ese apoio se topara despois cunha utilización perversa de normas aprobadas só de cara á galería e buscando réditos mediáticos, como a lei da transparencia que, co paso do tempo, se acabou trocando nunha maior opacidade, con crecentes dificultades para coñecer o número de asesores e os seus salarios, as retribucións dun elevado número de altos cargos ou as declaracións de actividades de boa parte deles.
No balanzo lexislativo, Ruiz Rivas tamén cuestionou que o Parlamento se disolvese  sen tomar en consideración, sequera, algunha das grandes leis anunciadas como emblemáticas por Touriño ao comezo do seu mandato: reforma da CRTVG, Publicidade Institucional, de  Desenvolvemento Rural e de Ordenación Agraria. Outras, como a nova lei de comercio, a de creación das áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, a lei de montes, a reforma da lei de montes veciñais en man común, a lei galega de deportes, a lai da galeguidade, a lei de universidades ou a reforma da lei electoral para, entre outros aspectos, asegurar a transparencia do voto emigrante, quedaron, igualmente, non tinteiro do bipartito.
saltar ao pe de páxina