saltar ao contido

Declaración Institucional con motivo da conmemoración do Día Nacional do Dano Cerebral

Perante a conmemoración, o 26 de outubro, do Día Nacional do Dano Cerebral, o Parlamento de Galicia quere amosar o seu recoñecemento ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido que hoxe en día hai en Galicia, e que multiplica as 35.756 por un número indeterminado de persoas, entre as que se inclúen coidadores e coidadoras, familiares e contorno social, así como o imprescindible movemento asociativo que as representa e que encabeza a Federación Galega de Dano Cerebral.
 
Investigación epidemiolóxica, continuidade asistencial e coordinación sociosanitaria
 
Os datos de incidencia e prevalencia a nivel autonómico son incompletos, o que fai imprescindible a realización dunha investigación epidemiolóxica e un censo de persoas con dano cerebral adquirido. Precísase coñecer ao detalle a envergadura desta discapacidade, de maneira que se poidan dimensionar adecuadamente os recursos de atención na nosa comunidade.

Así mesmo, é unha prioridade a dotación dun indicador/código diagnóstico ‘dano cerebral adquirido’ que axude a identificar todas as persoas dadas de alta con esta discapacidade, complementando os diagnósticos de cada unha das causas. Coñecer as persoas dadas de alta con secuelas dun ictus ou dun traumatismo ―é dicir, con dano cerebral adquirido―, saber onde residen ou cales son as súas afectacións, é un requisito para garantir a continuidade asistencial ―do hospital á casa, ao centro de día, á residencia, ou ao lugar máis axeitado de acordo coas necesidades da persoa e da súa familia― e a coordinación sociosanitaria.  Este debe ser o compromiso do sistema público de saúde, coa dotación de recursos necesaria para poder acadar estes obxectivos.

Neste sentido, a necesaria posta en marcha do Proceso asistencial integrado do dano cerebral adquirido, que aínda non ten data de aplicación, mais que está sendo elaborado e se aprobará proximamente, será a garantía do compromiso da Administración galega, nos eidos sanitario e social, para que todas as persoas con esta discapacidade poidan acceder a cada un dos niveis de atención e de asistencia que precisen para preservar ao máximo as súas capacidades, evitar a súa deterioración e velar polo seu benestar e calidade de vida.
 
Accesibilidade cognitiva e exercicio de dereitos de plena cidadanía
 
Un dano cerebral adquirido é un proxecto de vida ―dunha persoa, pero tamén dun fogar― cortado repentinamente pola irrupción dunha lesión que o cambia todo. O labor das asociacións é acompañar esa familia proporcionándolle todas as ferramentas necesarias para volver ao seu lugar ou para desenvolver un novo proxecto de vida adaptado ás súas novas necesidades e capacidades, o que debera ser apoiado dende a propia administración para que o esforzo non recaia de maneira exclusiva nas familias e nas persoas próximas.

Unha das condicións fundamentais para a inclusión social e a participación comunitaria é a accesibilidade en todos os eidos. Desde a asunción do paradigma expresado na Convención de Discapacidade das Nacións Unidas, esta pasa a ter unha consideración social e non individual. Polo tanto, é o conxunto da sociedade a responsable de derruír as barreiras que dificultan o acceso a dereitos, a lugares, a servizos, a produtos, a partir dos avances que debe promover a Administración.

As persoas con dano cerebral adquirido vense afectadas por unha multiplicidade de secuelas, entre as que se inclúen as cognitivas, en moitas ocasións coñecidas como «invisibles». Ben que a Administración dá pasos para a supresión das barreiras, é preciso lembrar a necesidade de continuar dotándose de recursos que permitan o exercicio efectivo de dereitos, e tamén que se desenvolvan de xeito vinculante plans de accesibilidade nas contornas sanitarias, xurídicas, educativas e sociais, incluíndo as deportivas e de lecer, pois estas son as garantes do gozo do tempo libre en convivencia, compañía e igualdade co resto da sociedade.

Porque unha democracia plena é aquela na que todas as persoas teñen garantidos os seus dereitos e a posibilidade de os exercer, facendo, como di o lema das asociacións de dano cerebral adquirido, que cada vida salvada grazas ao sistema sanitario e de emerxencias mereza «ser vivida con dignidade».

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina