saltar ao contido

O Parlamento acolleu unha sesión extraordinaria da Real Academia de Medicina de Galicia, a primeira actividade deste tipo na Cámara

 
• Santalices enmarca esta actividade na estratexia de apertura do Parlamento á sociedade e comprométese a continuar avanzando nesta liña
 
Santiago, 14 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde a celebración dunha sesión extraordinaria da Real Academia Galega de Medicina de Galicia, na que se abordaron diferentes aspectos da epidemia de gripe de 1918.
 
O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que a desta tarde foi a primeira sesión que unha academia celebra na Cámara galega ao longo dos case 37 anos de vida da institución.
 
Parlamento aberto
 
Enmarcou este acto no estratexia de “Parlamento aberto” coa que se  persegue tanto que a sociedade coñeza a institución, como a participación cidadá a través dos diferentes mecanismos establecidos a tal efecto.
 
Santalices agradeceu a colaboración da Real Academia de Medicina de Galicia e a boa acollida da iniciativa por parte do decano da Facultade de Medicina da USC.
 
Tamén resaltou a colaboración da Consellería de Sanidade nas diferentes iniciativas de divulgación impulsadas polo Parlamento de Galicia (reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador semiautomático, prevención do melanoma ou do glaucoma, entre outras) e a boa acollida prestada á xornada de hoxe, na que ademais de afondar en diferentes aspectos da gripe de 1918, se chamou a atención sobre a importancia das campañas de vacinación antigripal.
 
A sesión científica comezou cun relatorio do Dr. Benito Regueiro García sobre “O virus causal da gripe de 1918 e a súa pervivencia ata os nosos días”. Continuou cunha disertación do Dr. Juan Jesús Gestal Otero, que falou sobre “Singularidades e enigmas desta pandemia”, ao que seguiu unha intervención do Dr. José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia,  que analizou os “Aspectos médico-sociolóxicos da gripe de referencia”.
 
A clausura da sesión correu a cargo do decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Julián Álvarez Escudero; o conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuiña; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
Dase a circunstancia de que parte da actual sede do Parlamento de Galicia foi cedida parcialmente ao Exército en setembro de 1918 pola necesidade de locais provocada pola epidemia de gripe que afectaba daquela á tropa acuartelada na cidade. O pazo do Hórreo albergou unha Escola de Veterinaria entre 1915 e 1924, ano no que pasou definitivamente ao Exército.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina