O Parlamento de Galicia conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e acolle a presentación dunha edición facsimilar da obra


• O acto contou coa intervención do presidente do Consello da Cultura, a presidenta do Parlamento e o presidente da Xunta de Galicia, xa que as tres institucións coeditan a obra presentada esta tarde
 
• Pilar Rojo destaca que “existe un antes e un despois na literatura galega a partir de Cantares Gallegos”
 

Santiago, 25 de abril de 2013.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde o acto de presentación dunha edición facsimilar de Cantares Gallegos, coeditada pola Cámara autonómica, a Xunta e o Consello da Cultura Galega no marco da conmemoración do 150 aniversario da publicación da primeira edición desta obra de Rosalía de Castro.
 
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, amosou a súa satisfacción por poder acoller na Cámara lexislativa a presentación desta edición facsimilar, feito que, ao seu xuízo, reflicte que “nada do que acontece en Galicia debe resultar alleo a esta institución”.
 
Un antes e un despois
 
Rojo Noguera considera que “existe un antes e un despois na literatura galega a partir de Cantares Gallegos”, dado que esta obra “é incomparablemente superior a todo canto a precede”. 
“Rosalía inspirouse directamente na poesía popular de Galicia e atopou a maneira de seu para expresar o que se propuña”, agregou a xefa do lexislativo galego.
 
A intervención da presidenta do Parlamento foi precedida por un relatorio da escritora e investigadora Marina Mayoral, experta na obra de Rosalía de Castro; e do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
 
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou o acto, no que o dúo “2 na fronteira” interpretou dous poemas de Rosalía de Castro.
 
Expostas as 14 primeiras edicións de Cantares
 
Os asistentes á presentación, celebrada no Salón dos Reis do Pazo do Hórreo, puideron contemplar tamén unha exposición integrada polas 14 primeiras edicións de Cantares Gallegos, procedentes da colección persoal de Guillermo Escrigas e das bibliotecas do Parlamento de Galicia e do Consello da Cultura Galega.
 
A edición facsimilar presentada hoxe poderá consultarse na páxina web do Parlamento de Galicia, buscando deste xeito “o efecto multiplicador que a rede nos ofrece”, en palabras de Pilar Rojo. O enlace é o seguinte:
http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/contenidogal/documentosdeinterese/publicacions.aspx
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas